Tui historia en pedra

Tui historia en pedra

Quizais a causa que explique a prosperidade dunha cidade pequena ao longo dos séculos, sexa a súa posición estratéxica.
E tal é o caso de Tui, na provincia de Pontevedra, baixo a parte oriental do Baixo Miño; un dos enclaves con máis soleira de Galicia, á que, o seu carácter de cidade fronteiriza, a potenciou durante centos de anos.

A antigüidade deste municipio queda comprobada pola presenza de determinados vestixios arqueolóxicos do Paleolítico, polo que probablemente a zona estivo poboada dende tempos prehistóricos. Posteriormente, a ocupación continúa durante o Neolítico dada a fertilidade das terras do val. As bondades da terra fixeron que a poboación se multiplicase ata chegar a épocas prerromanas, na que as fontes parecen coincidir en erixir a Tui como cabeza xentilicia dos Grovios, durante a cultura dos Castros.

Deste tempo existen numerosas evidencias arqueolóxicas non só en Tui senón noutros puntos de Galicia e do norte de Portugal.
Os romanos refírense a ela como Castellum Tyde, e seguramente albergaba dentro das súas murallas unha poboación considerable, debido á existencia de varias fontes para asegurar o abastecemento de auga no interior. A mitoloxía atribuía ao heroe grego Tideo a fundación da urbe, e de aí tomaría o nome a cidade. Foi determinante a época de paz propiciada polo Cónsul romano Décimo Bruto, permitindo que as poboacións castreñas pouco a pouco fosen trasladándose ata o centro urbano para explotar os campos antes mencionados.

Como diciamos ao principio, a situación estratéxica a beiras do Miño permitiu en tempos visigodos que a cidade se transformase nun importante punto militar, administrativo e económico, como proban as moedas acuñadas na súa ceca, feito que mesmo se remonta ao tempo en que a zona foi controlada polos suevos antes da súa inclusión entre os godos.
A existencia do bispado tudense (na actualidade denominado de Tui-Vigo) dende tempos moi remotos, tamén confire á cidade certa importancia relixiosa e histórica, que se materializa na principal construción e sinal de identidade de Tui: a Catedral de Santa María, consagrada á advocación mariana da Asunción.

Unha xoia da arte medieval non só de Galicia, senón de todo o norte peninsular, onde o estilo románico e o estilo gótico se fonden nun todo harmonioso complementado cunha rica colección de pezas museísticas cuxa calidade e historia as sitúan nunha posición patrimonial moi elevada.

 

No hay comentarios

Publicar un comentario