Portada Principal

g_catedral_tui_017

Unha das principais características da Catedral de Tui é a súa portada principal, tamén coñecida como Portada Occidental, en tanto a fai única e identificativa do espazo sacro ao que serve de antesala. Nela loce, en todo o seu apoxeo, o gótico desta catedral.


A devandita portada constitúe todo un programa iconográfico cuxa característica máis destacada é a súa finalidade didáctica e catequética. Podemos afirmar, non en van, que se trata dun soberbio retablo exterior no que a vida da Virxe María e a súa importancia na Historia da Salvación se expón de forma rotunda plasmada na calidade artística da portada.


Todo este conxunto encóntrase cuberto por un pórtico de arcos apuntados a xeito de templete ameado datado no século XIII. Esta fachada principal é un resumo da historia da Catedral, pois contén elementos decorativos que datan de diferentes épocas. Rematada cara a 1225, é posible apreciar a valía das estatuas-columnas que flanquean a porta de acceso ilustradas coas imaxes de reis e profetas que dan paso á lectura no tímpano dun completo conxunto ilustrativo dividido en varios corpos perfectamente diferenciados, no que destacan temas como o nacemento de Cristo, a Adoración dos Magos, unha curiosa representación da Xerusalén Celeste, etc.


Timbrando as portas, realizadas en madeira no século XVIII, atópase unha bela representación da Asunción da Virxe, titular deste principal templo tudense.
A obra escultórica, de notable valía, atribúese na súa execución a artistas de Francia que chegaron ata Tui baixo o patrocinio do monarca leonés Alfonso IX, o cal queda reflectido.