Claustro

A orixe da palabra “claustro” debemos buscala no vocábulo latino “claudere” cuxo significado é “pechar”. Esta era a función primitiva dos claustros: espazos pechados en torno aos cales se dispoñían unha serie de dependencias de variada índole: tales como administrativas, funerarias, de meditación…


No caso da Catedral de Tui, o claustro destaca, ademais de pola súa impoñente construción, por ser o lugar no que se atopa situada a colección epigráfica e heráldica do conxunto catedralicio (cuxas pezas máis antigas se remontan a época visigoda) e porque, nas súas inmediacións, tamén se atopa a Sala Capitular Románica do século XII, é dicir, a primitiva sala de reunión dos cóengos do primeiro templo da cidade, cun marcado carácter medieval no seu trazado e na composición pétrea da súa arquitectura.


As súas galerías están formadas por grandes arcos apuntados de descarga que abeiran no seu interior a outros dous de dimensións máis reducidas sostidos por finas columnas de capiteis florais dobres.


É de apreciar a conservación do claustro tudense, que ten a particularidade de ser o máis antigo da comunidade galega. De gran beleza e harmonía, data da primeira metade do século XIII, destacando o seu trazado seguindo a influencia cisterciense quizais do próximo mosteiro de Santa María de Oia.