Capelas das Reliquias

Aínda que o seu nome é Capela de San Telmo, é comunmente denominada Capela das Reliquias en alusión á cantidade (e a calidade) das reliquias que nela se atopan custodiadas de forma permanente para veneración dos fieis. Este espazo sacro eríxese nun dos máis característicos da catedral tudense, ao tempo que supón un dos seus trazos máis distintivos. Non en van, a existencia de reliquias entronca coa forte tradición medieval das igrexas de peregrinación máis relevantes.

O seu marcado carácter renacentista testemuña a data da súa construción ao longo do século XVI impulsada polo bispo Torquemada cuxa heráldica aparece representada na clave do arcosolio da súa sepultura, situada á entrada da capela.

Merecen especial atención a bóveda nervada con colgantes nas súas interseccións, e igualmente o rechamante altar-relicario que cobre o muro central presidido pola imaxe do patrón da cidade, San Pedro González Telmo, cuxas reliquias se custodian nesta capela xunto a outras gardadas nos diversos armarios e compartimentos que conforman o retablo, realizado no século XVIII en madeira sobredourada.

Pola festividade de San Telmo, as reliquias expóñense para veneración dos fieis e devotos.

0 comments on “Capelas das Reliquias

Deixa unha resposta